6 de xul. de 2020

BO VERÁN!

     Este foi un curso escolar raro, atípico. Nos últimos tres meses non puidemos saudarnos con apertas polas mañás, escoitar música nas entradas, rir xuntos/as, facer traballos en equipo, cantar a viva voz, facer lecturas compartidas...

   Aínda así, entre todos/as conseguimos que DENDE O MEU LAR PARA O VOSO FOGAR fose un punto de encontro onde saudarnos, rir, cantar, bailar, traballar, cociñar, contar contos, escribir, gravar películas, mandar vídeos, facer retos, sacar fotografías... xuntos/as na distancia.  Conseguimos darlle a volta a situación e avanzar coma un equipo. 

   Como mestra só podo sentir un profundo orgullo por todos/as e cada un/unha de vós. É un pracer traballar convosco e cunhas familias coma as vosas. 

   Deséxovos unhas vacacións, moi merecidas, cheas de aventuras e experiencias que vos fagan medrar como persoas. Descansade moito e recargade as pilas.
   Espérovos en setembro para comezar unha nova aventura xuntos/as. 

Tal e como falamos velaí van as recomendacións para o verán:

  • A primeira delas é ler. 
Podedes ler os libros que escollades, cantos máis mellor.
Lembrade facer de críticos/as literarios e incluír a vosa crítica no diario.
Eu déixovos dúas recomendacións: 


  • A segunda recomendación é escribir. 
Para elo propóñovos facer un diario onde escribades todos os días, iso si, con orde, claridade, limpeza, cariño e sen faltas de ortografía. No voso diario tamén podedes incluír fotografías e debuxos que agora xa sodes expertos/as. Neste diario podedes escribir:
      • O mellor e o peor do día.
      • Contos, poesías, cancións de creación propia.
      • Reflexións sobre temas que vos interesen.
      • Anécdotas das vosas aventuras diarias.
      • Recomendacións de libros ou películas que vexades. Lembrade cubrir a ficha técnica e despois facer a recomendación. 
      • Guións de teatro ou cine para futuras películas. 
      • Todo aquilo que consideredes que debe formar parte do voso diario. 
  Velaquí vos deixo uns exemplos:



   Os libros quedarán abertos na plataforma durante o mes de xullo e a meirande parte de agosto para todos aqueles que queirades repasar os contidos traballados ao longo deste curso.

1 comentario:

Xoán dixo...

Ese libro e moi bo

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...